top of page

O Noia PA FS firma un convenio de colaboración co Academia RedBlue 5 Coruña para a próxima temporada

Con esta unión, ambos clubes fortalecen as relacións para seguir crecendo e evolucionando en todas as formas das súas estructuras.


As directivas do Noia Portus Apostoli FS e do Academia RedBlue 5 Coruña chegaron a un acordo para rubricar un convenio de colaboración entre os dous clubes de cara á temporada 2020/2021. Desta forma, unirán forzas en numerosos aspectos das súas actividades, co claro obxectivo de continuar #MedramosXuntos, o que será o cancelo que se utilizará na promoción das accións conxuntas de ambas entidades, no panorama do fútbol sala galego.


Esta ligazón inclúe varias iniciativas que compartirán os dous clubes ao longo do curso e das que se beneficiarán dende a base ata os conxuntos sénior. Entre esas iniciativas recóllense, por exemplo, charlas educativas de técnicos noieses a diferentes equipos do club coruñés, xornadas de convivencia co noso primeiro equipo, a asistencia aos adestramentos da Academia RedBlue 5 Coruña de técnicos noieses ou a posta en marcha de novos proxectos vencellados cos equipos base de ambos clubes, que entrarán en acción nos primeiros meses desta nova temporada.


Da mesma forma, o equipo dirixido por Marlon Velasco terá a proba varios xogadores do club herculino durante a pretemporada, o que permitirá ao club noiés nutrirse dunha das canteiras que mellor papel está completando en Galicia ao longo dos últimos anos, progresando no seu nivel desde as categorías base ata o sénior.


O acto da presentación oficial do acordo, na que estarán membros e xogadores de ambos clubes, levarase a cabo o próximo 15 de agosto, despois de que ambas entidades decidiran agardar a evolución das próximas semanas da situación sanitaria provocada pola COVID-19.

bottom of page