O club noiés pon a disposición dos seus afeccionados toda a información para facerse socio/a de cara a este novo curso.
Volve a paixón ao Agustín Mourís. A temporada 2020/2021 xa está aquí, e con ela regresa a mellor afección da categoría, que o seguirá a ser a pesar do aforo limitado imposto pola situación sanitaria. E aínda que teñamos que estar distanciados, sabemos que a paixón seguirá máis viva que nunca grazas ao voso apoio.
Se queres formar parte desta paixón, xa o podes facer abonándote ao teu equipo nesta nova, emocionante e tamén estraña temporada. Existen cinco tipos de abonos a disposición dos afeccionados:
XERAL: 50€
XUVENIL (entre 15 e 18 anos): 35€
INFANTIL (ata os 14 anos): 20€
FAMILIAR (parella máis un ou dous fillos menores de 18 anos): 120€
SIMPATIZANTE*: 20€
Para retirar o teu abono, podes facelo a través do noso portal web noiafs.acyti.com ou de forma presencial no Municipal Agustín Mourís de luns a venres, en horario de 19:30 a 20:30.
*O carné de simpatizante nace dirixido a persoas que queiran colaborar desinteresadamente co club nestes momentos difíciles marcados pola pandemia. Esta opción non dá dereito de acceso aos partidos nin a retirar entradas gratuitas para os socios.
Detalles relacionados coa COVID-19
Por mor da situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, vémonos obrigados, por orde e por responsabilidade, a aplicar unha limitación de aforo nos partidos no Municipal. Por iso, co carné de abonado non se garante a entrada no Agustín Mourís mentres esta situación se prolongue.
Porén, mentres exista esta limitación de aforo, os abonados poderán retirar gratuitamente unha entrada por socio/a ata que se complete o aforo por orde de retirada.
As entradas poderán retirarse presencialmente no Agustín Mourís ou a través da plataforma web de venta de entradas noiafs.acyti.com, nos días e horas que desde o club especificaremos para cada partido.
Comments