top of page

CRÓNICA X15 FILIAL (VIG 5-3 NPA B) | Derrotados no reparto de golpes

Pecha o Noia Portus Apostoli B a primeira volta cunha derrota, nun partido intenso e competido no que lle condenou perdoar varias ocasións claras e amosar unha falta de contundencia en defensa nos momentos claves.

Caeu o Noia Portus Apostoli B na súa visita ao ED Vigo 2015, nun igualado partido, que se decidiu nos minutos finais, na estrea do 2023 e no que tamén supoñía o derradeiro encontro dunha primeira volta ligueira que os brancos conclúen novenos con 20 puntos.


No Berbés, os noieses foron de máis a menos. O 0-1, grazas ao gol de Luis no minuto 4’, quedábase bastante curto para a magnitude das ocasións e o xogo desenvolto polos de Palmas antes do descanso, ao que se chegou despois da expulsión por dobre tarxeta amarela de Hugo, nunha das accións polémicas do choque.


O paso por vestiarios non lle sentou ben ao Portus Apostoli B, que resistira a inferioridade numérica nos últimos 40 segundos de primeiro tempo, pero apenas aguantou medio minuto do segundo. O 2-1 chegou dous minutos despois, nunha acción na que faltou contundencia defensiva e o Vigo 2015 atopou o oco preciso para o gol. O 3-1 no 30’ de Javi López, nun despiste no esquema branco, decantaba claramente o partido do lado local.


Porén, non baixou os brazos o conxunto filial, que co segundo gol de Luis, no 32’, encontrou un motivo de peso para erguer a cabeza. No seguinte ataque ao 3-2, introduciu Palmas o xogo de cinco, que deu resultado de inmediato co gol de Brais para nivelar o marcador.


Con resultado de 3-3 e 7 minutos por diante, presentábase un tramo final emocionante. A intensidade e as ganas de gañar eran palpables en ambos cadros, que non daban por perdido nin un só balón. Nunha desas, a tensión provocou que saltaran chispas, dubidosamente xestionadas por uns colexiados que expulsaron a un xogador por cada equipo, tratándose de Lucho, tan incrédulo como todos os seus compañeiros, no bando noiés, despois de en primeira instancia ser amonestado soamente con cartón amarelo.


Pasada a polémica e con volta á normalidade na pista, foi o Vigo 2015 o equipo máis resolutivo, aproveitándose novamente da posición feble en defensa dos noieses para conseguir o 4-3, a dous minutos do final. Repetiu a fórmula do porteiro-xogador o Portus Apostoli B para tentar sumar algo, pero esta vez non funcionou, e incluso os locais puxeron a guinda co 5-3 a cinco segundos do final.


 

Ficha técnica


ED Vigo 2015: Diego González (p) (c), Rolo, Diego Alonso, Samuel Fernández e Óscar Iglesias. Tamén xogaron César Durán (p), Tomás Merino, Javi López, Carlos Cifuentes e Fabio.


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Lucho, Jorge, Brais e Dani. Tamén xogaron Yago Vizoso, Hugo, Pau, Manu Lorenzo (c), Luis e Álvaro.


Goles: 0-1 Luis (4’), 1-1 Carlos Cifuentes (21’), 2-1 Samuel Fernández (23’), 3-1 Javi López (30’), 3-2 Luis (32’), 3-3 Brais (33’), 4-3 Javi López (38’), 5-3 Rolo (40’).


Os colexiados Jesús Otero Baltasar e Marcos Vázquez Mayán amonestaron por parte dos locais a Fabio (15’), Rolo (33’) e Samuel Fernández (34’) cartón amarelo, a Tomás (33’) con vermella directa. Por parte visitante, amonestados con tarxeta amarela Hugo (13’ e 19’), o adestrador David Palmas (14’) e Lucho (33’), que tamén viu a vermella directa (33’).


Incidencias: partido correspondente á Xornada 15 da Terceira División, disputado no Pavillón de Deportes do Berbés de Vigo.

bottom of page