O filial noiés volveu a mostrar a súa cara máis contundente na segunda metade para saír do Municipal de Santa Isabel con tres puntos na súa conta.
Quen o diría hai apenas un mes e medio. O Noia Portus Apostoli B logrou en Santiago a súa terceira vitoria consecutiva como visitante, quinta seguida en total, nun partido moi completo dos brancos.
Plantexou o cadro de “Juve” desde o comezo un esquema no que pasar da defensa ao ataque para facer dano desta forma ao físico dos rivais do Alto do Vento FS. Desta forma, os noieses eran quen de provocar perigo a través de roubos e rápidas carreiras dirección á portería contraria, coas que ademais xeraban ocasións a balón parado grazas a faltas ou saques de esquina.
Precisamente nun córner chegaría o primeiro dos tantos da tarde-noite. Un disparo exteiror de Diego Pérez no borde da área daría vantaxe aos filialistas no Municipal de Santa Isabel.
Un erro defensivo, tan só catro minutos despois do primeiro tanto, devolvería a igualada ao electrónico. Nas botas de Daniel García, o Alto do Vento FS encontraba o camiño ao gol tras superar a un “Chaky” que nada puido facer.
O empate non cambiaría o partido, que seguiría a estar equilibrada entre ambos conxuntos, cada un con cadansúa estratexia para poñer o partido do seu lado. A algo máis dun minuto para o entretempo, un desaxuste defensivo visitante permitiría encontrar un oco aos locais, que por medio de Seijas anotaban o 2-1, co balón entrando a duras penas no marco.
Todo semellaba indicar que os xogadores de ambos equipos encararían vestiarios con ventaxa santiaguesa, mais os noieses sacarían garra e calidade para en corenta segundos darlle a volta ao marcador.
Diego Pérez colocaría o empate cun certeiro disparo coa perna esquerda xa dentro do último minuto do primeiro acto, e o dorsal 13 volvería a ser protagonista cando o capitán rival cometía a sexta falta que levaba o balón aos dez metros. Loren, a seis segundos do descanso, amosaríase infalible para colocar o 2-3 co que, efectivamente, se cumprirían os primeiros vinte minutos.
Descanso, Alto do Vento FS 2-3 Noia Portus Apostoli B
Como un tiro terminou o cadro branco a primeira metade, e da mesma forma iniciou o segundo. Entre o minuto 22 e o 23 chegaron tres tantos que decantaron a balanza dun lado. Os dous primeiros serían obra de Loren, primeiro finalizando á rede un disparo exterior e despois cunha finalización fría posterior a un sombreiro a un rival.
O toledano tamén provocaría o 2-6, xa que o seu saque de esquina terminaría impactando nun rival, provocando, para a súa desgraza, que o balón se adentrara na súa portería. Foron estes momentos do partido nos que o Noia Portus Apostoli B tomou claramente o mando do partido, sendo quen de dominar mellor as emocións e os tempos do encontro, ante un Alto do Vento FS cada vez máis desesperado.
Situación que iría a máis cando encaixaban no 27’ o 2-7, obra de Manu Lorenzo, que a pracer anotaba o sétimo tanto despois de roubarlle o balón en presión ao porteiro local. Outro duro golpe para os santiagueses que supuxo ademais para o encontro unha clara baixada de ritmo e para o marcador un impasse que duraría dez minutos.
Nunha xogada embarullada na área, Daniel García batía a “Chaky” para o 3-7, un tanto co que recuperaban un atisbo de esperanza, que se disipou totalmente apenas un minuto despois. Repetía gol o capitán branco Manu Lorenzo, finalizando cun disparo raso un rápido contragolpe. Os locais anotarían un último gol, cun remate de cabeza de Carlos Pérez na área que “Chaky” non conseguiu adiviñar.
Co claro resultado de 4-8 o encontro chegaría ao seu fin no Municipal de Santa Isabel.
Final do partido, Alto do Vento FS 4-8 Noia Portus Apostoli B
Por segunda xornada consecutiva os filialistas fixeron da segunda metade o escenario perfecto para, cunha mestura de intensidade e solidez, resolver o encontro de forma contundente e seria. Quintos na táboa con 30 puntos, empatados co cuarto clasificado e a sete puntos do terceiro, os de “Juve” recibirán ao CP Casás a próxima semana, na 17ª xornada do campionato, con só un obxectivo: gañar.
Ficha técnica:
Alto do Vento FS: Alejandro Vásquez (p), Carlos Pérez, Miguel Rouco, Antón Arnejo (c) e Anxo Cañete. Tamén xogaron Adrián Prieto, Seijas, Borja Martínez, Jorge Seoane, Daniel García, Ismael García e Alberto Pardo.
Noia Portus Apostoli B: Diego “Chaky” (p), Diego Pérez, Loren, Iago e Rafa. Tamén xogaron Bruno, Manu Lorenzo (c), Churches e David Agraso.
Goles: 0-1 Diego Pérez (5’), 1-1 Daniel García (9’), 2-1 Seijas (19’), 2-2 Diego Pérez (20’), 2-3 Loren (20’), 2-4 Loren (22’), 2-5 Loren (22’), 2-6 Carlos Pérez en propia porta (23’), 2-7 Manu Lorenzo (27’), 3-7 Daniel García (37’), 3-8 Manu Lorenzo (38’), 4-8 Carlos Pérez (39’).
Os colexiados amonestaron aos locais Antón Arnejo (5’), Seijas (10’), Miguel Rouco (14’), Borja Martínez (22’) e Jorge Seoane (26’ e 34’) e ao visitante Iago (19’).
Comments